Debate electoral no IES de Arzúa

03.11.2011 08:10

O próximo 20 de novembro celebraranse as eleccións xerais, feito que os Departamentos de Filosofía e de Historia do IES de Arzúa queren aproveitar para complementar a súa docencia e mostrar un aspecto da realidade política ao alumnado de 1º e 2º de Bacharelato (uns 50 rapaces de 16-18 anos), como parte da formación dos que en breve serán cidadáns co dereito de voto. Por esta razón, os departamenentos citados incluíron na súas programacións a realización dunha actividade, que conta coa aprobación do Consello Escolar do centro: un debate electoral entre os representantes das forzas políticas galegas con representación nas Cortes.

Dito acto terá lugar no Salón de Actos do IES de Arzúa ás 16.30 do vindeiro luns 7 de novembro. Será moderado por un profesor do instituto que dará a palabra durante 10-15 minutos as seguintes persoas:

Antonio Fraga Sánchez (PP)

Silvia Fraga Santos (PSdG-PSOE)

Iria Aboi (BNG)

Rematada esta quenda de intervencións, chegarán as preguntas por parte do alumnado e as respostas e debate polos membros da mesa.

Aínda que prepararemos o acto na aula, tanto na materia de Historia como na de Filosofía, podes coñecer algúns datos sobre o proceso electoral nunha páxina web do Ministerio do Interior, organismo estatal responsable do proceso técnico deste importante evento:

https://elecciones.mir.es/generales2011/Visitas_virtuales/Visitas_virtuales.htm