Os nove de Little Rock

26.09.2014 05:58

Seguro que coñeces a figura de Rosa Parks, unha activista negra estadounidense polos dereitos civís que en 1955 se negou a ceder a asento do autobús a un pasaxeiro branco. A súa acción levouna á cadea. No mes de setembro de 1957 tivo lugar nunha cidade de Arkansas (EEUU) outro episodio semellante, “Os nove de Little Rock”.

En 1955 unha sentenza do Tribunal Supremo dos EEUU declarara inconstitucional a segregación racial nas escolas públicas. Por fin, a poboación de color podería ir aos mesmos institutos que brancas e brancos. Dous anos despois, nove estudantes decidiron matricularse no centro de educación secundaria de Little Rock. O gobernador de Arkansas anunciou que incumpliría a sentenza do Tribunal Supremo, é dicir, que faría todo o posible para que as estudantes e os estudantes negros non acudirán ao instituto. Os protagonistas desta historia sufriron todo tipo de ameazas. A noticia saltou á prensa norteamericana. O presidente de EEUU, Eisenhower mobilizou ao exército, que deu protección aos nove de Little Rock e permaneceu no instituto durante todo o curso.

Con motivo do cincuenta aniversario dos sucesos, unha das protagonistas rememoraba uns feitos que produciron imaxes impactantes. Nos próximos días veremos un filme, Arde Mississipi, que narra outro episodio da loita polos dereitos civís.

Se queres saber máis sobre Os nove de Little Rock, podes ler a información que publicou no seu día o goberno estadounidense.