Thatcherismo e neoliberalismo

08.04.2013 19:49

Morreu Margaret Thatcher, a “dama de ferro”. Foi primeira ministra británica — a primeira muller en desempeñar ese cargo en Gran Bretaña e en gran parte do mundo—, de quen no teu libro de texto podes ler “que aplicou unha política de liberalismo total, favoreceu as grandes empresas, someteu os poderosos sindicatos e desnacionalizou a maior parte das empresas estatais e dos servizos públicos” (páx. 323). A figura de Thatcher, dirixente do Partido Conservador, está indisolublemente ligada á forma que adoptou o capitalismo nas dúas derradeiras décadas do século XX e comezos do XXI: o neoliberalismo.

Margaret Thatcher foi obxecto dun filme. A dama de ferro (2011), dirixida por Phyllida Lloyd e protagonizada por Meryl Streep. A política de Thatcher e as súas consecuencias sociais e económicas foron criticadas no cine do director Ken Loach, en filmes como Chovendo pedras, Riff-Raff, A cuadrilla, etc.