Visita ao Parlamento e ao Valedor do Pobo

13.02.2012 09:41

O próximo 23 de febreiro faremos unha visita ao Parlamento de Galicia e ao Valedor do Pobo, dúas institucións claves no ordenamento político da Comunidade Autónoma, dúas institución que desenvolven unha actividade que condiciona as vidas da cidadanía galega. Por esta razón é interesante coñecelas.

Exterior do Parlamento de Galicia e vista do hemiciclo

 

A sede do Valedor do Pobo

Na clase fixemos unha breve aproximación ás dúas institucións a través de materiais que podes atopar nas súas páxinas web:

https://www.parlamentodegalicia.es

https://www.valedordopobo.com/index.php?s=44

Xa no primeiro trimestre asistimos a un debate electoral cos representantes de forzas políticas que se concorreron ás eleccións xerais celebradas o 20 de novembro de 2011. Daquela fixestes un comentario sobre o debate que podes consultar nesta mesma web. Desta volta, tes que facer un novo comentario sobre a visita no que, ademais de reflectir as túas vivencias, tes que relacionar o teu ensaio co que fixeches ao redor do debate de novembro.

Tes unha invitación para ver o álbum de fotos da visita ás dúas institucións. Quizais algunha ou algunhas desas fotos te sirvan para comezar o teu comentario. Podes utilizalas, ou non, como guía cronolóxica da visita. Podes partir dunha delas ou de varias. Ou non empregalas. Pensa, ademais, que, casualidades da historia, a nosa visita ao Parlamento de Galicia coincide cun aniversario fundamental na Historia recente de España: un 23 de febreiro, pero do ano 1981, tivo lugar o intento de golpe de Estado de Tejero.

O teu escrito debe ter como mínimo unha páxina.